Nova CEESG

Resultados do 7º Concurso TFG.eduso

02 - 10 - 2021

O Concurso TFG.eduso premia os mellores traballos de fin de grao de Educación Social presentados en galego nas universidades galegas.
Nesta sétima edición valoráronse os TFG dos cursos 18/19 e 19/20, cun total de 5 e 14 traballos presentados a concurso respectivamente.

O fallo do xurado é o seguinte:

CURSO 18/19

Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESTENDIDA:
  • Título: Adolescentes e ocio: análise cualitativa en medidas xudiciais en medio aberto nos CIEMA de Galicia.
  • Autor: Xesús Martínez Fernández.
  • Titora: María Dapía Conde (Universidade de Vigo)
Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESCONDIDA:
  • Título: Renda Básica e Educación Social: cara un novo paradigma nos servizos sociais.
  • Autor: Rodrigo Gil Cedillo.
  • Titora: María Dolores Candedo Gunturiz (Universidade da Coruña)
MENCIÓN ESPECIAL
  • Título: A prensa proxeneta en Galicia. Unha análise dos anuncios de prostitución dende a Educación Social.
  • Autora: Ana Pousada Gómez.
  • Titora: María Lameiras Fernández (Universidade de Vigo)

—-
CURSO 19/20

Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESTENDIDA
  • Título: A xestión cultural no eido local galego: as funcións do educador/a social.
  • Autor: Alejandro Ventura Amado.
  • Titora: María Barba Núñez (Universidade da Coruña)
Modalidade EDUCACIÓN SOCIAL ESCONDIDA:
  • Título: Porno e educación afectivo-sexual. Un quefacer actual do/a profesional da Educación social.
  • Autora: Noelia Moreau Castro.
  • Titora: María del Carmen Gutiérrez Moar (Universidade de Santiago de Compostela)
MENCIÓN ESPECIAL
  • Título: A vellez máis alá da heteronorma: Un estudo cualitativo sobre a formación, coñecementos, actitudes e percepcións dos/as profesionais de centros para maiores.
  • Autora: Nazaret Blanco Pardo.
  • Titora: María Victoria Carrera Fernández (Universidade de Vigo)

Parabéns ás persoas gañadoras!!

Queremos agradecer a súa participación a todas e todos os participantes que presentaron os seus traballos ao concurso, así como ao xurado, que fixeron posible levar a cabo esta iniciativa. Nesta convocatoria, o xurado estivo integrado por:

  • María Díaz de Robles Badía, profesora da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED)
  • Jesús Deibe Fernández Simo, profesor da Universidade de Vigo.
  • Luisa Losada Puente, profesora da Universidade da Coruña.
  • Germán Vargas Callejas, profesor da Universidade de Santiago.
  • Pilar Ramallal Fernández, vogal do Ceesg.


Actualmente continúa aberto o prazo, ata o 15 de novembro, da 8ª edición do concurso, para traballos presentados no curso 20/21.

Nos seguintes enlaces está dispoñible un resumo de cada un dos traballos, que se recollerán de xeito completo nunha publicación que editará o Ceesg.

Quizais che interese

Outras novas

IX Invernada de cine de Cabreiros
IX Invernada de cine de Cabreiros

Un ano máis o Ceesg colabora coa Invernada de Cine de Cabreiros, que vai xa pola súa IX edición. Unha iniciativa de carácter cultural promovida pola asociación de veciños desta parroquia xermadesa e a Universidade de Santiago, coa colaboración do Ceesg e financiamento da Deputación de Lugo e o Concello de Xermade.

O Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia encargarase da presentación doa primeira das proxeccións, o vindeiro 23 de outubro. ‘A poeta analfabeta’, baixo a dirección de Sonia Méndez, é o documental que inaugurará a invernada, cunha temática que nos achega á figura de Luz Fandiño, poeta e activista compostelá, nacionalista e feminista que se viu na obriga de emigrar na época franquista pero nunca perdeu de vista Galicia, onde retornou anos máis tarde, rematada a ditadura.

A IX Invernada de Cine de Cabreiros estrutúrase en 6 sesións que se desenvolverán entre o 23 de outubro e o 18 de decembro e que inclúen non só proxeccións audiovisuais, senón tamén outras actividades como un espectáculo de maxia, un monólogo, unha peza teatral e a presentación dun libro.

O aforo está limitado, polo que é necesario anotarse previamente chamando ao 686 104 780 ou 606 282 251.

Máis información no seu perfil de facebook

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Educador/a social
  • Persoal directivo e docente obradoiro dual de emprego
  • Persoal directivo e docente obradoiro dual de emprego
  • Técnica/o de intervención familiar

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Reclámase unha rede de recursos terapéuticos con profesionais especializadas/os para persoas cunha demencia neurodexenerativa
Reclámase unha rede de recursos terapéuticos con profesionais especializadas/os para persoas cunha demencia neurodexenerativa

A Federación Alzhéimer Galicia xunto cos colexios profesionais de educación social (CEESG), fisioterapeutas (COFIGA), psicoloxía (COPG), terapia ocupacional (COTOGA) e traballo social (COTSG) manifestan a súa preocupación pola falta de recursos terapéuticos desenvolvidos por equipos de profesionais especializados na atención ás demencias neurodexenerativas.

Os avances sociais e sanitarios producidos na sociedade galega durante as últimas décadas veñen de transformar o perfil e as necesidades das persoas maiores da nosa comunidade, que precisan novos xeitos de intervención.

A importancia dun envellecemento activo e saudable que sirva para previr e detectar de xeito precoz as demencias neurodexenerativas ten que transformarse nun piar dos servizos de atención sociosanitaria en Galicia e atender esta realidade en todo o proceso que vai dende a prevención ata a intervención terapéutica.

Neste sentido as Casas do Maior son unha ferramenta de apoio comunitaria das persoas maiores, sobre todo na loita contra a soidade non desexada, pero carecen de carácter terapéutico e non garanten unha atención integral e interdisciplinar.

Así mesmo, ante a alta prevalencia das demencias neurodexenerativas en persoas maiores e a intensa campaña que se está a realizar a favor do envellecemento activo e detección precoz, urxe o desenvolvemento de recursos especializados de atención a persoas con deterioro cognitivo leve en todo o territorio rural de Galicia.

É preciso achegar os recursos de promoción e prevención, que están dentro da carteira de servizos de atención a dependencia, ao contorno rural, establecendo puntos de atención á cidadanía nos distintos concellos de Galicia

Estes recursos ofrecen, mediante a intervención de profesionais especializadas/os en atención ás demencias, unha serie de servizos para as persoas afectadas e as súas familias, ademais de enriquecer o contorno social onde leven a cabo e axudar a fixar poboación.