Nova CEESG

Reclámase unha rede de recursos terapéuticos con profesionais especializadas/os para persoas cunha demencia neurodexenerativa

14 - 10 - 2021

A Federación Alzhéimer Galicia xunto cos colexios profesionais de educación social (CEESG), fisioterapeutas (COFIGA), psicoloxía (COPG), terapia ocupacional (COTOGA) e traballo social (COTSG) manifestan a súa preocupación pola falta de recursos terapéuticos desenvolvidos por equipos de profesionais especializados na atención ás demencias neurodexenerativas.

Os avances sociais e sanitarios producidos na sociedade galega durante as últimas décadas veñen de transformar o perfil e as necesidades das persoas maiores da nosa comunidade, que precisan novos xeitos de intervención.

A importancia dun envellecemento activo e saudable que sirva para previr e detectar de xeito precoz as demencias neurodexenerativas ten que transformarse nun piar dos servizos de atención sociosanitaria en Galicia e atender esta realidade en todo o proceso que vai dende a prevención ata a intervención terapéutica.

Neste sentido as Casas do Maior son unha ferramenta de apoio comunitaria das persoas maiores, sobre todo na loita contra a soidade non desexada, pero carecen de carácter terapéutico e non garanten unha atención integral e interdisciplinar.

Así mesmo, ante a alta prevalencia das demencias neurodexenerativas en persoas maiores e a intensa campaña que se está a realizar a favor do envellecemento activo e detección precoz, urxe o desenvolvemento de recursos especializados de atención a persoas con deterioro cognitivo leve en todo o territorio rural de Galicia.

É preciso achegar os recursos de promoción e prevención, que están dentro da carteira de servizos de atención a dependencia, ao contorno rural, establecendo puntos de atención á cidadanía nos distintos concellos de Galicia

Estes recursos ofrecen, mediante a intervención de profesionais especializadas/os en atención ás demencias, unha serie de servizos para as persoas afectadas e as súas familias, ademais de enriquecer o contorno social onde leven a cabo e axudar a fixar poboación.

Quizais che interese

Outras novas

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Técnica/o de intervención socioeducativa
  • Monitor/a
  • Técnica/o de unidade de apoio
  • Director/a residencia de maiores
  • Docente desarrollo habilidades

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Formación en liña gratuíta: detección e intervención en racismo e xenofobia, normativa de estranxeiría
Formación en liña gratuíta: detección e intervención en racismo e xenofobia, normativa de estranxeiría

Un dos traballos a desenvolver polas persoas profesionais do ámbito social, pasa por recoñecer e denunciar aquelas situacións de vulneración de dereitos nas que nos vemos envoltas no día a día laboral. Esta actividade formativa, impartida por SOS Racismo Galicia, está dirixida a profesionais ou futuras/os profesionais do eido social para facilitar pautas que axuden a detectar a vulneración de dereitos nos procesos cotiáns, así como as diferentes ferramentas que temos a noso alcance como profesionais para intervir e/ou denunciar.

Ademais, nesta sesión abordaranse tamén as recentes modificacións do regulamento de estranxeiría, a as súas implicacións para as/os menores migrantes non acompañadas/os.

Poden participar na formación educadoras e educadores sociais colexiadas do Ceesg, así como estudantes ‘amigas/os do Ceesg’

A inscrición é gratuíta, sendo necesario inscribirse previamente no formulario dispoñible na nosa web (IR AO FORMULARIO)

Data: martes 14 de decembro.

Horario: 17:00-19:00 h.

Modalidade: En liña a través de Jitsi Meet (enviarase enlace o día anterior á formación)

Próximo cobro de cotas colexiais
Próximo cobro de cotas colexiais

No mes de xaneiro pasarase o cobro de cotas colexiais (correspondente ao primeiro semestre 2022)

Recordamos que existe a posibilidade de beneficiarse de cotas reducidas (por desemprego, residencia no estranxeiro, salario inferior ao SMI ou situacións análogas)

Quen queira acollerse a este tipo de cotas, debe presentar a documentación pertinente ata o día 23 de decembro, por correo-e a ceesg@ceesg.gal. A confirmación por parte do Ceesg farase no prazo máximo de 15 días dende a recepción, e o cobro ordearase na segunda quincena de xaneiro.

Documentación a presentar:

  • No caso de desemprego, tarxeta de demandante de emprego actualizada.
  • No caso de salario inferior ao mínimo, informe de bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
  • Para outras posibles situacións, consultar co Ceesg.

Se no cobro anterior non te beneficiaches de desconto, recorda enviar xunto coa documentación xustificativa a solicitude de cota semestral bonificada