Nova CEESG

Reclamación sobre a contratación de persoal educativo no centro Concepción Arenal

01 - 07 - 2022

O pasado 23 de xuño publicouse no DOG a resolución da Consellería de Política Social e Xuventude convocando o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación Concepción Arenal.

En dita resolución, indícase a respecto dos requisitos do persoal educador o seguinte: “Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función”.

Dende o Ceesg enviamos unha solicitude á Consellería solicitando a modificación da resolución para que se respecte o establedico no IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, convenio marco do sector, que establece que ‘Educador/a’ é unha categoría a extinguir, e calquera nova contratación deste tipo de persoal debe facerse na categoría ‘Educador/a social’. Ademais, recordamos que Educación Social é unha profesión titulada, e polo tanto para o seu exercicio debe contarse coa titulación universitaria de Educación Social ou habilitación profesional recoñecida por colexio profesional oficial.

Trátase non só de evitar o exercicio fraudulento da profesión, senón tamén, e sobre todo, de velar por unha atención adecuada e profesionalizada ás persoas destinatarias da acción socioeducativa.

Quizais che interese

Outras novas

Próximo número da revista RES
Próximo número da revista RES

O número 35 da revista RES centrará a súa atención no VIII Congreso de Educación Social, 2022. Registro, memoria y palabra.

Recordamos que tamén se poden enviar propostas para a sección de miscelánea, na que se recollen outros temas interesantes aínda que fóra do tema central do número, así como ás seccións de actualidade e reseñas.

Quen teña propostas para enviar a estas seccións, pode presentalas antes do 15 de setembro de 2022.

Ver presentación do vindeiro número (nesta páxina tamén podedes atopar enlaces con orientacións sobre as colaboracións, autorización de artigos e criterios de publicación)

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Axente de emprego e desenvolvemento local (OPE)
  • Técnica/o centro de acollida
  • Profesor/a reforzo escolar
  • Educador/a social
  • Técnico/a local de emprego / AEDL (OPE)
  • Técnico/a OMIX (OPE)
  • Educador/a familiar (OPE)
  • Educador/a social
  • Educador/a social
  • Animador/a sociocultural
  • T. de intervención familiar
  • Educador/a social

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Aviso sobre horario de atención
Aviso sobre horario de atención

Recordamos que a sede do Ceesg estará pechada por vacacións do 8 ao 19 de agosto.

As cuestións recibidas por email resolveranse o antes posible, a partir do 19 de agosto, data na que se retomará a atención telefónica e presencial no horario habitual: de luns a venres de 8:00 a 15:00 h.