Nova CEESG

Preguntas frecuentes sobre as eleccións do Ceesg

26 - 11 - 2021

A partir de febreiro de 2022 comezará unha nova lexislatura de goberno no Ceesg, cun equipo de persoas (a Xunta de Goberno) que debe ser elixido democraticamente, e que dirixirá o colexio durante os vindeiros catro anos.
A continuación aclaramos as principais dúbidas sobre este proceso:

QUE FAI A XUNTA DE GOBERNO?
A Xunta de Goberno é responsable do funcionamento da entidade, pois é o órgano que toma as decisións estratéxicas e deseña as políticas e liñas de traballo.

ONDE E CANDO SERÁN AS ELECCIÓNS Á XUNTA DE GOBERNO?
O 19 de febreiro de 2022, de 10:00 a 12:00 h.
En Santiago de Compostela, na Casa das Asociacións de Cornes. Rúa Manuel Beiras, 3 - ver localización)

QUEN PODERÁ VOTAR?
Todas as persoas colexiadas que estivesen en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial de eleccións (25 de novembro de 2021). O censo electoral pode consultarse na sede do Ceesg ou na web.

PÓDESE VOTAR POR CORREO?
Si. Xunto coa notificación de proclamación de candidaturas válidas, recibirás información detallada de como facelo, así como o sobre e papeletas oficiais. Recorda actualizar o teu enderezo postal se cambiaches de domicilio e aínda non o notificaches ao Ceesg.

PODO DELEGAR O MEU VOTO?
Non. A delegación de voto só pode facerse para a participación nas Asembleas colexiais, pero non para as eleccións.

QUEN PODE PRESENTAR CANDIDATURA?
Todas as colexiadas e colexiados que estivesen en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial das eleccións, excepto para poder optar aos cargos de Presidencia e de Tesourería, casos nos que se esixe, como mínimo, un ano de colexiación.

COMO SE PRESENTA UNHA CANDIDATURA?
Cada candidatura constará dunha lista pechada e completa cos nomes das candidatas e candidatos, especificando aquelas/es que opten á Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Tesouraría, e dun mínimo de 5 e un máximo de 15 vogais. Poden presentarse ata o día 27 de decembro de 2021 a través dun escrito dirixido á Xunta de Goberno.

CANDO SE COÑECERÁN AS CANDIDATURAS VÁLIDAS?
O 10 de xaneiro de 2022, mediante notificación e publicación no Taboleiro de Anuncios do Ceesg e na web.

QUE PASA SE SÓ SE PRESENTA UNHA CANDIDATURA?
Mantéñense as eleccións o día e hora fixados. Neste caso, as papeletas recollerán a opción de voto favorable, desfavorable ou en branco. De seren os votos negativos maiores que os positivos, volverase abrir o prazo de presentación de candidaturas e, transcorrido este, se non existisen máis candidaturas, a candidatura primeira será proclamada.

QUEN COMPOÑERÁ A MESA ELECTORAL?
A mesa electoral estará constituída por unha/un presidenta/e, dúas/dous vogais e unha/un secretaria/o, designados por sorteo entre as persoas electoras. Tamén se elixirán 2 suplentes para cada cargo da mesa electoral. Designaranse por sorteo público entre todas as persoas con dereito a voto (excepto as persoas candidatas) O sorteo realizarase o día 19 de xaneiro de 2022 ás 10:00 h. na sede do Ceesg.

COMO SE EFECTUARÁN AS VOTACIÓNS?
Os votos deben efectuarse coas papeletas e sobres oficiais emitidas polo colexio. No momento de votar será necesario identificarse na mesa electoral co carné de colexiada/o ou DNI, e depositar o voto nunha urna precintada.

ONDE PODO ATOPAR TODA A INFORMACIÓN?
Toda a información sobre o proceso electoral regúlase nos estatutos do Ceesg, e está reflexada na convocatoria de eleccións.
A documentación que se vaia xerando relacionada co proceso electoral, publicarase na web do Ceesg, sección ‘Transparencia > Eleccións 2022’


DATAS CLAVE

2021
  • 2 de outubro: Acordo da Xunta de Goberno da celebración de eleccións.
  • 26 de novembro: Envío da convocatoria de eleccións. Publicación do censo.
  • 27 de decembro: Fin do prazo de presentación de candidaturas.
2022
  • 10 de xaneiro: Proclamación de candidaturas válidas.
  • 19 de xaneiro: Sorteo público para a elección de integrantes da mesa electoral.
  • 19 de febreiro: Votación.

Quizais che interese

Outras novas

Próximo número da revista RES
Próximo número da revista RES

O número 35 da revista RES centrará a súa atención no VIII Congreso de Educación Social, 2022. Registro, memoria y palabra.

Recordamos que tamén se poden enviar propostas para a sección de miscelánea, na que se recollen outros temas interesantes aínda que fóra do tema central do número, así como ás seccións de actualidade e reseñas.

Quen teña propostas para enviar a estas seccións, pode presentalas antes do 15 de setembro de 2022.

Ver presentación do vindeiro número (nesta páxina tamén podedes atopar enlaces con orientacións sobre as colaboracións, autorización de artigos e criterios de publicación)

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Axente de emprego e desenvolvemento local (OPE)
  • Técnica/o centro de acollida
  • Profesor/a reforzo escolar
  • Educador/a social
  • Técnico/a local de emprego / AEDL (OPE)
  • Técnico/a OMIX (OPE)
  • Educador/a familiar (OPE)
  • Educador/a social
  • Educador/a social
  • Animador/a sociocultural
  • T. de intervención familiar
  • Educador/a social

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Aviso sobre horario de atención
Aviso sobre horario de atención

Recordamos que a sede do Ceesg estará pechada por vacacións do 8 ao 19 de agosto.

As cuestións recibidas por email resolveranse o antes posible, a partir do 19 de agosto, data na que se retomará a atención telefónica e presencial no horario habitual: de luns a venres de 8:00 a 15:00 h.