Nova CEESG

O Ceesg, un ano máis en Negro contra as Violencias Machistas

25 - 11 - 2021

Un novembro máis, desde o Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia, Ceesg, sumámonos á campaña ‘En Negro contra as violencias’, participando desde a sororidade nesta acción colectiva de visibilización, sensibilización social e reivindicación xunto a outras 500 entidades.

Desde Fiadeiras, Grupo de traballo do Ceesg, queremos facer fincapé no feito de que máis alá da punta do Iceberg, o lema e a imaxe da campaña deste ano, a violencia machista é un fenómeno universal; está presente en tódalas sociedades, e ten un carácter estrutural, simbólico e social. Isto é, situámonos ante un sistema perfectamente organizado, o patriarcado, que emprega a violencia nas súas diversas manifestacións (física, emocional, económica, sexual, social…) para garantir o mantemento da dominación dun grupo humano sobre outro; neste caso dos varóns sobre das mulleres e nenas, pero tamén, de certos homes sobre outros.

Non debemos esquecer que a desigualdade de xénero é o contexto no que agroma a violencia, que se converte ao mesmo tempo en causa e consecuencia dese desequilibrio no valor da vida humana en función do seu sexo.

Desde a óptica da intervención socioeducativa cómpre…

  • un maior compromiso no ámbito da prevención e sensibilización social, poñendo en énfase o papel que a educación social ten no proceso de xerar accións diversas que poidan contribuír á redución dos patróns de dominación de forma progresiva ata a súa desaparición. En definitiva, a creación de novas formas de comprender a feminidade e a masculinidade, así como trazos alternativos nas relacións entre os sexos.
  • coordinar un acompañamento integral nos procesos de recuperación da muller e das fillas/os vítimas de violencia machista.
  • incidir no traballo coa comunidade en xeral.

Como Educadoras e Educadores Sociais vémonos na necesidade de cuestionar as nosas miradas, as nosas achegas e os nosos modelos de intervención, como miramos, que necesidades vemos, onde focalizamos e como acompañamos á comunidade.

Como Ceesg seguiremos apostando por programas de mediación e acompañamento socioeducativo, desde un enfoque feminista, comunitario e integral, que atenda ao conxunto da comunidade educativa e solicitando a incorporación da figura da Educación Social nos centros educativos, como recurso para a prevención da violencia machista e a eliminación das desigualdades sociais entre o alumnado, a educación en valores e a incorporación da coeducación.

O Ceesg, un ano máis en Negro contra as Violencias Machistas

Quizais che interese

Outras novas

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Técnica/o de intervención socioeducativa
  • Monitor/a
  • Técnica/o de unidade de apoio
  • Director/a residencia de maiores
  • Docente desarrollo habilidades

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Formación en liña gratuíta: detección e intervención en racismo e xenofobia, normativa de estranxeiría
Formación en liña gratuíta: detección e intervención en racismo e xenofobia, normativa de estranxeiría

Un dos traballos a desenvolver polas persoas profesionais do ámbito social, pasa por recoñecer e denunciar aquelas situacións de vulneración de dereitos nas que nos vemos envoltas no día a día laboral. Esta actividade formativa, impartida por SOS Racismo Galicia, está dirixida a profesionais ou futuras/os profesionais do eido social para facilitar pautas que axuden a detectar a vulneración de dereitos nos procesos cotiáns, así como as diferentes ferramentas que temos a noso alcance como profesionais para intervir e/ou denunciar.

Ademais, nesta sesión abordaranse tamén as recentes modificacións do regulamento de estranxeiría, a as súas implicacións para as/os menores migrantes non acompañadas/os.

Poden participar na formación educadoras e educadores sociais colexiadas do Ceesg, así como estudantes ‘amigas/os do Ceesg’

A inscrición é gratuíta, sendo necesario inscribirse previamente no formulario dispoñible na nosa web (IR AO FORMULARIO)

Data: martes 14 de decembro.

Horario: 17:00-19:00 h.

Modalidade: En liña a través de Jitsi Meet (enviarase enlace o día anterior á formación)

Próximo cobro de cotas colexiais
Próximo cobro de cotas colexiais

No mes de xaneiro pasarase o cobro de cotas colexiais (correspondente ao primeiro semestre 2022)

Recordamos que existe a posibilidade de beneficiarse de cotas reducidas (por desemprego, residencia no estranxeiro, salario inferior ao SMI ou situacións análogas)

Quen queira acollerse a este tipo de cotas, debe presentar a documentación pertinente ata o día 23 de decembro, por correo-e a ceesg@ceesg.gal. A confirmación por parte do Ceesg farase no prazo máximo de 15 días dende a recepción, e o cobro ordearase na segunda quincena de xaneiro.

Documentación a presentar:

  • No caso de desemprego, tarxeta de demandante de emprego actualizada.
  • No caso de salario inferior ao mínimo, informe de bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
  • Para outras posibles situacións, consultar co Ceesg.

Se no cobro anterior non te beneficiaches de desconto, recorda enviar xunto coa documentación xustificativa a solicitude de cota semestral bonificada