Nova CEESG

Benvid@ á nova web do Ceesg

03 - 12 - 2020

Dende o Ceesg levamos meses traballando no desenvolvemento dunha nova páxina web que sexa máis útil, máis intuitiva e que facilite a relación co colexio.

A primeira fase do traballo está finalizada. Dende hoxe, temos unha web renovada tanto en estética como en contidos.

Principais novidades:

  • O deseño. A nova aparencia continúa en coherencia coa imaxe corporativa do Ceesg. Pero o máis relevante é que a web está pensada para facilitar a navegación, chegando á información que se necesite no menor número de clics posible. Ademais, o deseño permite navegar comodamente dende móbiles ou tabletas.
  • Os contidos: Simplificamos a estrutura da web, priorizamos a información máis relevante. Mantemos unha área privada para colexiadas/os, na que se mantén acceso exclusivo ás ofertas de emprego e engadimos tamén o acceso exclusivo a algunhas novas de actualidade.
  • A utilidade: Inclúe unha ferramenta de traballo documental interno para Grupos de Traballo e Xunta de Goberno do Ceesg.
  • .gal: Se ben ceesg.org seguirá funcionando por agora, pasamos a tomar como referencia o de ceesg.gal. Irémolo incorporando en toda a documentación, e anunciaremos moi pronto o cambio de correos electrónicos, tanto do colexio como das colexiadas e colexiados que usedes este correo.

Concibimos esta web como un espazo dinámico que iremos adaptando ás necesidades que se presenten.

Xa neste momento iniciamos unha segunda fase, na que avanzaremos no deseño de servizos telemáticos que permitan a realización de calquera xestión en liña a través dunha sede electrónica, a realización de xuntanzas virtuais e a impartición de formación unha plataforma en liña.

A ter en conta…

  • Para acceder á zona privada da web debes rexistrarte na nova páxina.
  • Se tes unha conta ceesg.org, moi pronto recibirás instrucións para descargar o seu contido e comezar a usar ceesg.gal.

Quizais che interese

Outras novas

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Educador/a familiar
  • Mediador/a intercultural
  • Docente atenciónsociosanitaria
  • Dirección, docencia e alumnado de obradoiro de emprego
  • Dirección, docencia e titoría de programa de emprego

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Compromiso co traballo libre de acoso sexual ou por razón de sexo
Compromiso co traballo libre de acoso sexual ou por razón de sexo

A Xunta de Goberno do Ceesg vén de aprobar unha Declaración institucional na que manifesta o seu compromiso de traballo libre de acoso sexual ou por razón de sexo, detallando cales son as accións que asume para que o Ceesg, como espazo laboral, sexa seguro neste eido.
Entre outras accións, comprométese ao deseño dun protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual ou acoso por razón de sexo, que xa está aprobado.
Ambos documentos poden consultarse na web do Ceesg (apartado transparencia). A continuación recóllese a declaración institucional e ao final da nova enlázase o protocolo.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE COMPROMISO DA XUNTA DE GOBERNO DO CEESG

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia fai público ou seu compromiso co obxectivo de fomentar e manter un entorno de traballo seguro e respectuoso coa dignidade, a liberdade individual e os dereitos fundamentais de todas as persoas que integran a nosa organización.
De acordo con ese compromiso, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia declara que as actitudes de acoso sexual e acoso por razón de sexo representan un atentado grave contra a dignidade das persoas e dos seus dereitos fundamentais.
Polo tanto, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia comprométese a:

  • Non permitir nin tolerar baixo ningún concepto comportamentos, actitudes ou situacións de acoso sexual e acoso por razón de sexo.
  • Non ignorar as queixas, reclamacións e denuncias dos casos de acoso sexual e acoso por razón de sexo que se poidan producir na organización.
  • Recibir e tramitar de forma rigorosa e rápida, así como coas debidas garantías de seguridade xurídica, confidencialidade, imparcialidade e dereito de defensa das persoas implicadas, todas as queixas, reclamacións e denuncias que puideran producirse.
  • Garantir que non se producirá ningún tipo de represalia nin contra as persoas que formulen queixas, reclamacións ou denuncias, nin contra aquelas que participen no seu proceso de resolución.
  • Sancionar ás persoas que acosen en función das circunstancias e condicionamentos do seu comportamento ou actitude.

Para a consecución efectiva deste compromiso o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia , esixe de todas e cada unha das persoas que integran a súa organización que asuman as seguintes responsabilidades:

  • Tratar a todas as persoas coas que se manteñan relacións por motivos de traballo (provedores/as, clientela, persoal colaborador externo, etc.) con respecto a súa dignidade e aos seus dereitos fundamentais.
  • Evitar comportamentos, actitudes ou accións que son ou poidan ser ofensivas, humillantes, degradantes, molestas, intimidatorias ou hostís. Actuar adecuadamente fronte a eses comportamentos, actitudes ou accións: non ignorándoos, non tolerándoos, manifestando o seu desacordo, impedindo que se repitan ou se agraven, comunicándoos ás persoas designadas ao efecto, así como prestando apoio ás persoas que os sofren.

Pola súa parte, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia comprométese a establecer as seguintes medidas para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual e/ou acoso por razón de sexo:

  • Deseño dun protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo.
  • Difusión e distribución entre todas as persoas traballadoras do protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo.
  • Realización de accións formativas en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo entre o persoal directivo, mandos intermedios e persoas designadas para a recepción, tramitación e resolución das queixas, reclamacións e denuncias.
  • Realización de campañas formativas, informativas e de sensibilización en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo a todo o persoal da entidade, así como ao persoal de novo ingreso.
  • Deseño e distribución de folletos informativos en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo, dando a coñecer as vías de resolución de estas situacións, tanto no ámbito da entidade, como fóra da mesma.
  • Designación dunha persoa ou equipo de persoas, con formación específica en igualdade entre mulleres e homes, prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo e habilidades sociais para a recepción, tramitación e resolución das queixas, reclamacións e denuncias nesta materia.
  • Establecemento dun servicio de asesoramento, apoio e asistencia ás persoas que poidan sufrir estes comportamentos, composto por persoas coa formación e aptitudes necesarias para o desempeño dese labor.
  • Inclusión das medidas para a prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo no plan de igualdade da entidade.
  • Avaliación e seguimento, con carácter periódico, do desenvolvemento, funcionamento e efectividade do protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo.

Asinado en Santiago de Compostela, a 19 de xuño de 2021

Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

Curso de especialista en autonomia de mozos e mozas no sistema de protección
Curso de especialista en autonomia de mozos e mozas no sistema de protección

A Universidade de Vigo (Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense) e IGAXES organizan o Curso de especialista en autonomia de mozos e mozas no sistema de protección. Esta formación está orientada a educadoras/es sociais que traballen ou queiran traballar con adolescencia tutelada, no seu acompañamento no cambio cara a vida independente.

Consta de oito módulos teóricos e inclúe un módulo práctico en recursos residenciais de IGAXES e unha bolsa de emprego, a través da cal se ofrecerán 10 contratos de traballo con opción de continuidade.

O curso desenvolverase entre setembro e maio (incluído o módulo de prácticas), e a preinscrición pode facerse ata o 30 de xullo.

Ver máis detalles na web de IGAXES