Nova CEESG

Comunicado: A Educación Social na Xunta de Galicia

06 - 04 - 2021

O recoñecemento da profesión de Educación Social na Xunta de Galicia é uns dos obxectivos do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) dende a súa creación no ano 2001.

Todas as Xuntas de Goberno que dirixiron a acción do Ceesg dende os seus inicios mantiveron múltiples xuntanzas coa Dirección Xeral de Función Pública, coas diferentes Consellerías nas que se encadran os postos de ‘educador/a’, presentaron innumerables solicitudes de modificación por diferentes vías (convenio colectivo único, RPT, lei de emprego público…), e recorréronse as dúas únicas convocatorias celebradas ata a actualidade.

O Ceesg continúa e continuará insistindo nesta demanda, neste momento moi presente para todas as educadoras e educadores sociais debido ao actual proceso selectivo da OPE 2017 e 2018.

Dende o anuncio desta OPE reforzáronse as accións do Ceesg para demandar a necesaria modificación da Lei de Emprego Público de Galicia, solicitando a creación dunha especialidade propia denominada ‘Educador/a social’ na que só se admita a titulación de Educación Social, quedando a extinguir a especialidade ‘Educador/a’.

Nesta liña de acción:

  • Mantivemos xuntanzas cos diferentes grupos parlamentarios, coa Secretaría Xeral de Política Social, coa Dirección Xeral de Función Pública, coas organizacións sindicais, coa Consellería de Política Social, co Consello Galego de Relacións Laborais, coa Valedora do Pobo.
  • Presentamos por escrito as peticións trasladadas en ditas xuntanzas.
  • Convocamos unha xuntanza aberta á participación de persoas colexiadas ou outras interesadas, para propoñer e estudar liñas de acción, así como outras múltiples xuntanzas para decidir sobre as accións a levar a cabo.
  • Realizamos un modelo de petición individual para enviar á Xunta de Galicia.
  • Realizamos solicitude por escrito aos sindicatos.
  • Formulamos petición de colaboración das distintas universidades galegas.
  • Fixemos achegas aos borradores de temario das probas selectivas.
  • Presentamos alegacións á proposta de modificación da Lei de Emprego Público. Enviáronse múltiples comunicados aos medios de comunicación.
  • Convocamos concentracións de protesta nas cidades da Coruña, Ourense e Santiago.
  • Iniciamos unha petición vía change.org.
  • Puxemos en marcha a campaña ‘A miña profesión ten nome’, recordando semanalmente en redes sociais a situación e reclamando solucións, así como a campaña ‘Vístete co nome completo’, animando a publicar fotos coas camisetas co lema, que distribuímos de xeito gratuíto ás persoas colexiadas que o solicitaron.
  • Contratamos persoal durante varios meses, debido ao aumento do volume de traballo que supuxo a OPE para o Ceesg.
  • Interpuxemos recurso contra a convocatoria e contra a composición do tribunal.
  • Realizamos coincidindo ca data de exame outra nova campaña de visibilización, distribuíndo chapas, bolígrafo e máscara a todas as persoas colexiadas, animando á súa participación.

A profesión de Educación Social ten un corpo de coñecementos propio, unhas bases nas que debe asentar a súa acción, entre as que cómpre salientar os textos básicos da profesión: os documentos profesionalizadores da Educación Social (definición da profesión, código deontolóxico e catálogo de funcións e competencias) e o modelo de Informe Socioeducativo (ISE), textos froito dun traballo complexo levado a cabo dende os colexios profesionais, que constitúen unha referencia fundamental para o exercicio da profesión.

O Ceesg forma parte do Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales (CGCEES); desde este organismo, a nivel estatal, tense reivindicado neste mesmo sentido de forma conxunta, sumando todas as forzas dos colexios profesionais que están en situación similar á galega, vendo resultados positivos, por exemplo moi recentemente no caso da Comunidade Valenciana.

Continuaremos reclamando, por todas as vías dispoñibles para o colexio, a modificación da Lei de Emprego Público de Galicia, así como defendendo a colexiación obrigatoria como garantía dunha intervención socioeducativa de calidade e Dereito da cidadanía.

Ceesg, 6 de abril de 2021

Quizais che interese

Outras novas

Súmate á campaña do CGCEES para visibilizar a loita contra o Acoso Escolar
Súmate á campaña do CGCEES para visibilizar a loita contra o Acoso Escolar

A Comisión de Educación Social no Sistema Educativo do CGCEES convídate a participar na campaña do Día Internacional contra o Acoso Escolar (2 de maio).
A idea é moi sinxela: faite unha foto coa mensaxe #Yotambiénconstruyoconvivencia e envíalla a través deste Formulario
Tes ata o 25 de abril de 2021 (ata as 22.00 h.) para facer chegar a imaxe e a mensaxe, e axudarnos a visibilizar o traballo das Educadoras e os Educadores Sociais a favor da convivencia nos centros escolares.
A mellor forma de combater e erradicar o acoso escolar é a construción de convivencia no sistema educativo.

COMO PARTICIPAR:

Faite a foto no lugar desde o que constrúes convivencia.
O fío condutor é o sistema educativo e toda a súa contorna: ANPAS, colexios, institutos, asociacións, fundacións, ONG que desenvolvan programas en centros educativos, investigadoras/é, formadoras/é do profesorado, estudantes con interese en formar parte do sistema educativo, pais, nais e demais persoas que formen parte da comunidade educativa, coa mirada ampla que a educación para a convivencia implica.
Incluír na imaxe a mensaxe #Yotambienconstruyoconvivencia (en calquera dos idiomas oficiais do Estado, ou no que uses para construír convivencia).
Ser o máis orixinal posible, ou o máis sinxela, ou o máis auténtica, ou o máis ti. Iso si, debe ser unha foto túa, que queiras que forme parte da campaña, libre de dereitos de autor/a e autorizada nos termos que se inclúen no formulario.
Evidentemente, buscamos que as fotos as protagonicen Educadoras e Educadores sociais: somos a alma desta campaña!
Axúdanos a visibilizar a mensaxe a Educación Social É convivencia!

Formación Ceesg: FAGAMOS UN BO TRATO. Prevención sobre situacións de xénero e violencia sexual no contexto do consumo de drogas na mocidade
Formación Ceesg: FAGAMOS UN BO TRATO. Prevención sobre situacións de xénero e violencia sexual no contexto do consumo de drogas na mocidade

O grupo de traballo Fiadeiras do Ceesg, en colaboración coa Federación de Planificación Familiar Estatal (FPFE), ofrece unha serie de obradoiros gratuítos en liña sobre sexualidade e xénero, dirixidos a persoas colexiadas do Ceesg ou doutros colexios profesionais pertencentes ao CGCEES, así como a estudantes amigas/os do Ceesg e figuras similares doutros colexios.
O terceiro dos cursos que se ofrece é ‘FAGAMOS UN BO TRATO. Prevención sobre situacións de xénero e violencia sexual no contexto do consumo de drogas na mocidade’.

Datas: 26, 27 e 28 de abril.
Horario: de 17:00 a 19:00 h.

Xa está aberto o prazo de inscrición.

Ver información detallada e formulario de incricións

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Educador/a social
  • T. de infraestruturas culturais
  • Monitor/a de tempo libre
  • Axente de emprego e desenvolvemento local

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.