Nova CEESG

Buscamos persoal funcionario ou laboral fixo

12 - 05 - 2022

No Ceesg recibimos cada vez máis peticións de designación de profesionais para formar parte dos Tribunais de oposicións de concellos en prazas nas que podemos optar como educadoras/es sociais.

Pedimos a vosa colaboración para participar como integrantes de tribunais ou como persoal asesor. Se traballas na Administración Pública nun grupo A1 ou A2 e es persoal funcionario/a de carreira ou laboral fixo, envíanos un correo electrónico a ceesg@ceesg.gal indicándonos a túa situación laboral, posto e categoría profesional. Non só nos referimos a persoal de concellos ou coa denominación ‘educador/a social’, tamén corpos de profesorado, administración autonómica, e outros postos como Axente de Igualdade, Técnica/o de servizos sociais, etc.

O obxectivo é ampliar a listaxe de colexiadas/os que cumpren este requisito e así poder dar resposta ás peticións que poidamos recibir de concellos ou outros ou organismos públicos.

A presenza da Educación Social en tribunais de selección garante que as probas sexan adecuadas á praxe e á realidade da profesión, e supón un valor de recoñecemento para a nosa profesión.

Quizais che interese

Outras novas

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Responsable de centro
  • Educador/a social
  • Monitor/a de tempo libre
  • Axente de Igualdade
  • Educador/a social
  • Orientador/a laboral

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social
I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social

Os días 15 e 16 de setembro de 2022 desenvolverase, en formato en liña, o I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social, co tema: “Retos e contribucións dos grupos e redes de investigación e acción profesional”

Esta actividade está organizada pola Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS), o Departamento de Educación e Psicoloxía Social (Universidade Pablo de Olavide) e o Grupo de Investigación en Acción Socioeducativa (GIAS)
O Seminario ten como principais persoas destinatarias aquelas persoas con interese en coñecer a estrutura organizativa e as liñas de actuación promovidas polos Grupos de Investigación e as Redes de Grupos de Investigación e da Acción Profesional, vinculadas á Pedagoxía Social e Educación Social desde distintas perspectivas.

As persoas interesadas en asistir en liña a este seminario deberán realizar a súa inscrición gratuíta ata o 14 de setembro, como data límite, a través do formulario de inscricións, facendo constar todos os datos solicitados.

Os temas principais son:

  • A ciencia que transforma. Claves desde a Pedagoxía Social e a Educación Social.
  • Avances científicos en Pedagoxía Social-Educación Social: achegas desde a investigación e a acción. (Contará coa participación de Lourdes Menacho Vega. Presidenta Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais -CGCEES-).
  • Redes de grupos de investigación e de acción profesional: co-construción da ciencia desde a Pedagoxía Social e a Educación Social. (Contará coa participación de Carlos Sánchez-Valverde Visús. Coordinador Revista RES, membro -CEESC-)
  • Visibilidade e transferencia do coñecemento social en Pedagoxía Social- Educación Social. (Contará coa participación de Alberto Fernández de Sanmamed Santos. Membro do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia -CEESG-)

Podes ver toda a información e o programa detallado na Web do Seminario.

Ir á web do Seminario.

Reclamación sobre a contratación de persoal educativo no centro Concepción Arenal
Reclamación sobre a contratación de persoal educativo no centro Concepción Arenal

O pasado 23 de xuño publicouse no DOG a resolución da Consellería de Política Social e Xuventude convocando o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación Concepción Arenal.

En dita resolución, indícase a respecto dos requisitos do persoal educador o seguinte: “Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función”.

Dende o Ceesg enviamos unha solicitude á Consellería solicitando a modificación da resolución para que se respecte o establedico no IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, convenio marco do sector, que establece que ‘Educador/a’ é unha categoría a extinguir, e calquera nova contratación deste tipo de persoal debe facerse na categoría ‘Educador/a social’. Ademais, recordamos que Educación Social é unha profesión titulada, e polo tanto para o seu exercicio debe contarse coa titulación universitaria de Educación Social ou habilitación profesional recoñecida por colexio profesional oficial.

Trátase non só de evitar o exercicio fraudulento da profesión, senón tamén, e sobre todo, de velar por unha atención adecuada e profesionalizada ás persoas destinatarias da acción socioeducativa.