Nova CEESG

Artivismo feminista e promoción da cultura da paz. Faladoiro con Yezli Mic e Queen

30 - 03 - 2022

Dende o ano 1997, calquera tipo de aborto é penalizado no Salvador, con penas de prisión. Segundo datos do seu Ministerio de Saúde, no ano 2017 3.771 mulleres foron atendidas por violencia machista, case o 75% delas era menor de 19 anos. O 28% de embarazos neste país son de nenas e adolescentes de entre 10 e 19 anos.

O activismo feminista do Salvador vertebra un movemento de oposición, para a despenalización do aborto, que abrangue dende a loita legal para a defensa das mulleres privadas de liberdade até accións de sensibilización. Entre estas voces disidentes e reivindicativas destacan, entre outras, as músicas QUEEN e YEZLI MIC, que na súa estancia en Galicia farán unha parada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, para achegar ao alumnado de Educación Social e a calquera outra persoa interesada, a súa visión e experiencia.

O faladoiro terá lugar o vindeiro 7 de abril de 13:30 a 14:30 no Salón de Graos da Facultade, organizado polo alumnado do PIC Ceesg da Universidade da Coruña, en colaboración coas ONG Solidariedade Internacional de Galicia, Asemblea de Cooperación pola Paz e Agareso.

Data: 7 de abril.

Horario: de 13:30 a 14:30 h.

Lugar: Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña (Campus de Elviña).

Entrada libre ata completar aforo.


Yeli MIC.

Cantante, compositora e activista feminista.

Yesenia Karmelina Martínez Ayala ten 24 anos. Conta cunha ampla traxectoria musical, de máis de 8 anos. As súas letras baséanse no acontecer da vida cotiá da xuventude do seu país, nas loitas sociais da muller e no empoderamento a través do exercicio e reivindicación dos seus dereitos, así como a denuncia das políticas do seu país.

Queen

Cantante, compositora e activista feminista.

Jennifer Alisson Serrano Rivas (2000) conta cunha traxectoria musical de máis de 6 anos dentro da cultura do Rap. Impartiu obradoiros en escolas públicas do seu país e foi parte do proxecto ‘La Voz de las Chicas’ do centro de América, realizando obradoiros para nenas e de zonas marxinais, co propósito de visibilizar as súas realidades por medio do Rap.

Como integrantes de Hip Hop Femenino El Salvador, ambas dedícanse, xunto ás súas compañeiras, a impartir foros, charlas, talleres e concertos sobre os Dereitos Humanos, as loitas sociais, a visibilización dos diferentes tipos de violencia cara a muller, á vez que mostran o Hisp Hop como unha ferramenta para o activismo (Artivismo) e a promoción para a paz.

Quizais che interese

Outras novas

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • Educador/a social.
  • T. de integración laboral.
  • Axente de desenvolvemento local.
  • Axente de emprego e desenvolvemento local (OPE)
  • Axente de emprego e desenvolvemento local (OPE)
  • Educador/a familiar.
  • T. en xestión cultural e información xuvenil.
  • Animador/a sociocultural.
  • Orientador/a profesional para a inserción.


OPEs de estabilización:

  • Educador/a social (2)
  • Educador/a familiar (13)
  • Educador/a—coordinador/a SAF (1)
  • Téc. Aux. Educación diúrna (1)
  • Téc. Aux. Educación nocturna (2)
  • Téc./Axente de emprego (7)
  • Axente de emprego e desenvolvemento local (24)
  • Axente de Igualdade (2)
  • Animador/a cultural / sociocultural (6)
  • Téc./Coord. de Cultura (5)
  • Monitor/a de ludoteca/sociocultural (2)
  • Téc. información xuvenil (1)
  • Responsable casa da cultura (1)
  • Dinamizador/a xuvenil (1)
  • Preparador/a laboral (3)
  • Orientador/a laboral (9)
  • Téc. de inserción (1)
  • Coord. centro social (1)
  • Téc. de servizos sociais (2)
  • Coordinador/a oficina desenvolvemento do Plan Xitano (1)
  • Téc. prevención de condutas adictivas (1)

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros
XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros

Un ano máis, Cabreiros celebra as súas Xornadas Interxeracionais Rurais que chegan á súa XVIII edición e que continúan (despois de dous anos de restricións) dando exemplo de desenvolvemento comunitario no rural galego.

O Ceesg, entidade colaboradora desta xornada, participará na mesa inaugural o sábado 28 de maio. Nesta primeira sesión presentaranse os traballos premiados no VIII Premio Xermade na Historia e a convocatoria da seguinte edición, organizada pola asociación de veciños, USC, Concello e Deputación. Trala pausa do xantar terán lugar dúas actividades que abrirán o debate sobre autosuficiencia no agro, soberanía alimentaria, horta ecolóxica e a venda directa.

As Xornadas Interxeracionais continuarán o sábado 4 de xuño ás 10.30 horas para falar sobre modelos de vivendas alternativas e colaborativas coa participación de catro persoas expertas e representantes doutras tantas empresas e organizacións do territorio peninsular. A tarde estará dedicada á presentación de experiencias de emprendemento no rural, cun obradoiro de cestería como peche.

A derradeira cita será o 11 de xuño, cun relatorio dedicado á saúde emocional, as pandemias, guerras e psicoloxía da resistencia, rematando a mañá cun obradoiro de risoterapia. E xa pola tarde, como peche desta edición, poderemos disfrutar da actuación do grupo Mamá Cabra, co seu espectáculo Paraíso Natural.

Ver programa detallado

Buscamos persoal funcionario ou laboral fixo
Buscamos persoal funcionario ou laboral fixo

No Ceesg recibimos cada vez máis peticións de designación de profesionais para formar parte dos Tribunais de oposicións de concellos en prazas nas que podemos optar como educadoras/es sociais.

Pedimos a vosa colaboración para participar como integrantes de tribunais ou como persoal asesor. Se traballas na Administración Pública nun grupo A1 ou A2 e es persoal funcionario/a de carreira ou laboral fixo, envíanos un correo electrónico a ceesg@ceesg.gal indicándonos a túa situación laboral, posto e categoría profesional. Non só nos referimos a persoal de concellos ou coa denominación ‘educador/a social’, tamén corpos de profesorado, administración autonómica, e outros postos como Axente de Igualdade, Técnica/o de servizos sociais, etc.

O obxectivo é ampliar a listaxe de colexiadas/os que cumpren este requisito e así poder dar resposta ás peticións que poidamos recibir de concellos ou outros ou organismos públicos.

A presenza da Educación Social en tribunais de selección garante que as probas sexan adecuadas á praxe e á realidade da profesión, e supón un valor de recoñecemento para a nosa profesión.