Nova CEESG
Acordos Asemblea 2021
O pasado sábado 28 de febreiro tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria do Ceesg, quedando aprobadas as seguintes cuestións:
- Acta da sesión anterior.
- Memoria económica e de actividades 2020.
- Plan de traballo 2021.
- Conxelación de cotas de mantemento colexial os anos 2021 e 2022.
- Campaña 20º aniversario: ‘Camiña con nós’ (a solicitude de ‘Se traes outra edusa’ estará dispoñible nos próximos días na web)
- Orzamento 2021 (opción A)
A documentación da Asemblea 2021 estará dispoñible na intranet do Ceesg durante un tempo. Tamén está dispoñible cada documento na súa sección web correspondente.
Quizais che interese
Outras novas

A Deputación da Coruña publicou recentemente a convocatoria para a contratación de 12 prazas de ‘Educador/a infantil’ (BOP do 12/03/2021)
Xa en varias ocasións o Ceesg ten reclamado a adaptación da RPT e dos equipos educativos nos centros de atención á infancia titularidade da Deputación da Coruña (e máis concretamente no caso do Fogar Emilio Romay), tendo constatado que tanto as titulacións esixidas como a propia composición dos equipos non se axustan á realidade académica nin ao que se pode considerar axeitado para unha atención de calidade.
A Educación Social é unha profesión definida, cun corpo formativo consolidado e ofertado pola maioría das universidades españolas, polo que non ten sentido que continúen dándose situacións coma esta, nas que equipos profesionais que se supón deberían ser especializados teñen unha composición inadecuada e academicamente insuficiente.
Afondando na convocatoria citada anteriormente, chama poderosamente a atención que tratándose dun posto de ‘Educador/a infantil’ (recordemos que a Educación infantil esténdese dos 0 aos 6 anos) o temario alude ao tramo de idade 0-12.
As administracións públicas, neste caso a Deputación da Coruña, deben garantir que as e os menores sexan atendidos do xeito máis adecuado, por iso, o Ceesg vén de interpoñer recurso de reposición á convocatoria para a súa rectificación.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop e o Ceesg asinaron recentemente un convenio co propósito de colaborar en iniciativas e proxectos que fomenten o emprego e o autoemprego e en especial que promovan o desenvolvemento de proxectos empresariais baixo a fórmula de cooperativa.
A través do mesmo, EspazoCoop comprométese a realizar actividades de información, asesoramento e formación en dita materia, e a atender ás persoas que soliciten orientación sobre a fórmula empresarial cooperativa.
Por parte do Ceesg, o compromiso que adquire, entre outros, é o de poñer en valor e visibilizar a fórmula de cooperativa de traballo, tendo como referente a EspazoCoop nesta materia e de cara a reforzar procesos formativos sobre a mesma.
Calquera tipo de actividade profesional pode organizarse mediante o réxime cooperativo, son empresas participativas, democráticas e autoxestionadas, están moi en consonancia con valores que a sociedade actual reclama e estima para os contornas de traballo. As empresas cooperativas son o máximo expoñente do sector da Economía Social, sendo xeradoras de emprego en tempos de crise.
Para coñecer un pouco máis EspazoCoop podes consultar a súa web ou o seu último boletín.

O grupo de traballo Fiadeiras do Ceesg, en colaboración coa Federación de Planificación Familiar Estatal (FPFE), ofrece unha serie de obradoiros gratuítos en liña sobre sexualidade e xénero, dirixidos a persoas colexiadas do Ceesg ou doutros colexios profesionais pertencentes ao CGCEES, así como a estudantes amigas/os do Ceesg e figuras similares doutros colexios.
Os vindeiros días 15, 16 e 22 de abril terá lugar o curso ‘TENDENDO PONTES’ Atención á xuventude, mulleres e homes inmigrantes en saúde sexual.
Xa está aberto o prazo de inscrición.