Transparencia
Información Institucional
Segundo o recollido nos estatutos do colexio, os cargos na Xunta de Goberno escóllense a través dun proceso electoral e o mandato ten unha duración de catro anos. O exercicio destes cargos non é remunerado.
A actual Xunta de Goberno do Ceesg foi elixida na asemblea que tivo lugar o 21 de abril de 2018.
Diplomada en Educación Social pola Universidade de Vigo, no ano 2005. Complemento a miña formación cun Posgrao de Técnicas de Traballo en Equipo, da Universidade de A Coruña, e cun Máster de Atención Centrada na Persoa con maiores e discapacidade; ademais de formación complementaria e ocupacional relacionada co eido socioeducativo.
Dende o 2006 comezo a desempeñar funcións de educadora social en varias empresas do social e tamén administración, traballando no ámbito de infancia e menores, diversidade funcional, orientación sociolaboral, formación e persoas maiores. Dende o 2011 ata o 2018 son autónoma e dedícome á formación, atención directa en residencia de maiores e deseño e implementación de proxectos socioeducativos.
No 2012 aterro no Ceesg e incorpórome ao grupo Geix, aumentando pouco a pouco o meu compromiso e dende o 2014 formando parte de dúas Xuntas de Goberno como vogal, ata que no 2018 asumo a presidencia da actual Xunta de Goberno.
Comezo a miña carreira profesional no ano 1995, cursando a Diplomatura de Educación Social na Universidade de A Coruña, posteriormente, estudo Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela. No 2000 realizo o Mestrado de Axente de Igualdade, Xénero e Educación Social e uns anos máis tarde o Mestrado en profesorado de ESO e Bacherelato, Formación profesional e ensino de idiomas, na especialidade de Orientación educativa.
Desde o ano 1999 desenvolvo a miña profesión de Educadora Social en diversos ámbitos, fundamentalmente xénero e feminismos, orientación e formación sociolaboral e interculturalidade; crecendo profesionalmente dentro da administración pública en institucións como a Xunta de Galicia, Concello de Mugardos, Concello de Rianxo, Concello de Santiago de Compostela, Concello de A Coruña e Concello de Oleiros e entidades privadas como Centro Xove de Anticoncepción e Sexualidade, Fundación Mujeres, Dinamo Xestión, Acsur Las Segovias, Atalaia Social, Campa, Esproade, etc.
Colaboro co Ceesg desde o ano 2012, inicialmente participando no Grupo de traballo Fiadeiras e, incrementando o meu compromiso co Ceesg, desde o ano 2016, formando parte da Xunta de Goberno anterior e actual, na que ocupo o posto de Vicepresidencia.
Vocacional. Feminista. 15 anos no Servizo de Educación e Apoio Familiar no concello de Arteixo. Especialista en Intervención Familiar (Ferrol) e Mediación Familiar (A Coruña)
Desde moi nena tiven interese en apoiar ás persoas nos seus momentos difíciles e de cambio.
Empecei estudando outra carreira ata que empecei a cursar varias asignaturas de Educación Social, e dinme conta de que esta era miña verdadeira vocación.
A miña experiencia profesional foi moi variada, pero toda ela estivo relacionada co acompañamento a persoas en circunstancias de vulnerabilidade. Acompañei a menores e ás súas familias en diferentes Proxectos e Centros, e a persoas adultas en situacións de risco. De cada experiencia e de cada persoa coa que traballei, aprendín cousas importantes e espertaron en min o interese por seguir formándome e crecendo como profesional e como persoa. E niso sigo, tentando buscar unha sociedade máis xusta e equilibrada.
Apaixoada de viaxar, de recorrer os nosos montes, de espertar lonxe do cotián e de aprender con ilusión de cada unha das persoas que camiñan preto. Érgome cada mañá co obxectivo de seguir disfrutando da vida e perseguir un horizonte sen enrugas sociais.
Graduada en Educación Social pola Universidade de Santiago de Compostela 2010-2014, onde cursei, un ano máis tarde, o Mestrado de Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario.
No tocante ao laboral, unha vez rematei o Grao en Educación Social, adiqueime ao traballo e atención á dependencia, desempeñando primeiro o meu labor nun centro para persoas con diversidade funcional e traballando, na actualidade, como directora e educadora social de VIDA Centro de día, no ámbito de persoas maiores.
Súmome á Xunta de Goberno do Ceesg co obxectivo de construir profesión á vez que coordino a Área de Comunicación e Participación Colexial e formo parte do GEIX.
Master experto en drogodependencias do Instituto de Investigacións en Ciencias Sociais (ACIPAIS) The Open International University.
A miña traxectoria profesional centrouse sobre todo no ámbito das adiccións na área de Vigo, traballando con persoas en situación de pobreza e exclusión social.
Traballei como Terapeuta na Unidade de drogodependencias do concello de Vigo de 1984 a 2013, como membro do equipo multidisciplinar de CEDRO.
Fun coordinador de varios programas, como “Drogas e xitanos”, “Drogas e prostitución”, o grupo de autoapoio “VIH-Sida e adiccións” e o “Programa sociocomunitario Sereos do Casco Vello”.
Graduada en Educación Social pola Facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña, onde realizo tamén o Mestrado en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Socioeducativas. Estudos complementarios en materia de adiccións, saúde mental, igualdade, resolución de conflitos ou orientación laboral.
Dende que remato o Grao no ano 2013, traballo como Educadora Social especialmente no ámbito das adiccións e saúde mental, aínda que os meus comezos son impartindo charlas en centros educativos con temáticas diversas como resolución de conflitos, educación para a saúde ou habilidades sociais. Considérome unha apaixonada do meu traballo, da miña profesión, e unha afortunada por poder desempeñalo, na actualidade, na Comunidade Terapéutica para o tratamento de conductas aditivas de ACLAD.
Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia como vogal e como coordinadora do Grupo de Traballo de Saúde Mental e Adiccións Miolo.
Considero imprescindible que a nosa profesión teña presenza en cada ámbito da sociedade, en cada espazo comunitario, pois realizamos un labor fundamental coa cidadanía. Únome ao Ceesg coa intención de perseguir esta idea, sumando nunha equipa que traballa arreo para acadar que se cumpra o Dereito á Educación Social.
Experta en orientación, coaching e mediación. Traballo no eido socioeducativo desde hai máis de quince anos, axudando ás persoas nos seus procesos de desenvolvemento persoal, social e profesional.
Educadora social por ter bebido da fonte da pedagoxía.
Traballo no ámbito de inclusión social e as miñas coordenadas son os dereitos sociais, as identidades diversas e a posta en valor do patrimonio valioso que conforma esta terra. O meu horizonte profesional a integración social.
Comezo Educación Social no 2004, continuando coa miña formación licencándome en Pedagoxía. Realizo mestrado en procesos de formación e formación de formadores; e outro mestrado para a atención directa á mocidade en risco social. Actualmente, continúo a miña formación no eido da terapia familiar e no grao de Psicoloxía.
Traballei desde o remate da carreira para a infancia e mocidade, concretamente no Sistema de Protección á Infancia en dispositivos de acollemento residencial. Actualmente exerzo como coordinadora de pisos tutelados e asistidos do Programa Mentor, en igaxes.
Colaborei no CEESG no grupo Escaravellando un tempo determinado para facer posteriormente unha parada e, a finais do 2019, incorporarme á xunta de goberno.
Educadora social exercendo a profesión por conta propia. Vogal da Xunta de Goberno do Consejo General de Colegios de Educadoras e Educadores Sociais e coordinadora da súa comisión de Comunicación.
Diplomeime en Educación Social no ano 2001, na Universidade de Santiago de Compostela, na opción de Marxinación e inadaptación. Estudiei a Licenciatura en Pedagoxía na Universidade de Barcelona á par que me desenvolvín laboral e formativamente en diversos ámbitos da nosa profesión como xustiza xuvenil, adiccións, lecer e tempo libre, infancia-adolescencia, saúde mental e senfogarismo. En Cataluña tiven o meu primeiro contacto co mundo colexial no CEESC co número 8350.
Tras esta magnífica experiencia incorporeime no ano 2008 a un proxecto no ámbito da muller, en Vigo, e con posterioridade continuei en dispositivos de protección da infancia-adolescencia en Monterroso e Ourense. O último proxecto ao que estiven vinculada foi a colaboración nunha metodoloxía inclusiva en centros de atención á discapacidade de ámbito estatal.
Na actualidade estou retirada do mundo laboral por unha doenza neurodexenerativa que afecta á visión, polo que prosigo co labor socioeducativo enfocado na filosofía da diversidade funcional.
Os meus primeiros contactos co Ceesg foron mediante as súas actividades e formacións. Formei parte do Grupo de traballo “Escaravellando” e actualmente de “Ceesg en Diverdade”. Dende 2018 pertenzo á Xunta de Goberno en calidade de vogal, na área de Desenvolvemento profesional.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia está ao servizo da cidadanía, e moi especialmente dos colectivos destinatarios da acción socioeducativa das e dos profesionais da Educación Social.
É unha corporación de dereito público constituída por lei, e concibida para:
- Ordenar o exercicio profesional en calquera das súas formas e modalidades.
- Representar os intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de educación social.
- Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención do título de educación social.
- Mellorar o nivel de calidade das prestacións profesionais das/dos colexiadas/os, promovendo a súa formación e perfeccionamento.
- Defender os intereses profesionais das/dos colexiadas/os.
- Velar para que a actividade profesional se adecúe aos intereses da cidadanía.
- Promover o recoñecemento social e profesional da educación social.
A forza de calquera colexio profesional reside nas persoas colexiadas, que conforman a Asemblea Xeral, o seu órgano máximo na toma de decisións.
O Ceesg pertence ao Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales a través do cal colabora coa Educación Social en todo o Estado Español e tamén a nivel internacional.
Normativa:
Decreto de cambio de denominación do Colexio.
Lei 11/2001, de 18 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.